Friday 03 de May de 2024

A Xunta entra no programa interautonómico “Corten” para a difusión exterior das curtametraxes galegas


— A Filmoteca de Galicia acolle este sábado unha das xornadas promocionais e formativas desta iniciativa para impulsar a circulación dos catálogos autonómicos de curtas, da que tamén forman parte Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco

— O evento inclúe as proxeccións de catro dos títulos de Shorts from Galicia 2023 e 2022 xunto a unha escolma do resto das comunidades, ademais de sesións formativas co ilustrador e cineasta Alberto Vázquez ou a produtora Nati Juncal

Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco.
Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
Ademais da súa vertente promocional, a xornada do sábado contará tamén con varias sesións formativas sobre diferentes aspectos relacionados coa produción e realización de curtas. Así, as actividades darán comezo ás 11,00 h. coa presentación do programa Corten e das principais liñas autonómicas de subvencións dispoñibles para este formato, da man de Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais.
A continuación, o ilustrador e director Alberto Vázquez ofrecerá o relatorio Como transformar a túa curta nunha longa, no que o gañador de catro premios Goya abordará este proceso desde a súa propia experiencia cos títulos Sangre de unicornio e Unicorn Wars, así como co seu actual proxecto a partir da curtametraxe Decorado.
Vías de financiamento
Pola súa banda, a produtora Nati Juncal, de Cósmica Producións, impartirá a sesión Unha cuestión de timing. Como confeccionar un calendario de financiamento, que afondará nas diferentes vías para lograr os recursos económicos públicos e privados que permitan levar adiante un proxecto audiovisual.
Xa pola tarde, Corten Galicia centrarase na proxección de curtametraxes seguida do coloquio cos seus autores. Así, ás 16,00 euros darán comezo os pases de catro dos traballos en versión orixinal galega incluídos nos catálogos Shorts from Galicia 2022 e 2023: Só as árbores coñecen o son das balas, de Rebeca Lar; A rabia, de Alberto Díaz; Lique, de Anita Pico, e O niño dos paxaros, de Lucía Estévez.
O evento finalizará coa exhibición dunha escolma de curtas en representación dos catálogos do resto das comunidades do programa Corten integrada por San Simón ‘62, de Irati Gorostidi e Mirari Echávarri (Navarra); Manual de la siega, de Samuel Ferrandi (Asturias); Cosas que no van a morir, de Manuela Gutiérrez Arrieta (Cantabria), e Lanbroa, de Ana Serna (País Vasco).